Aulas contra a Covid. Manifesto por un ensino presencial con seguridade

A imposición unilateral por parte da Consellaría de Educación do protocolo de adaptación ao contexto da COVID-19 nos centros de ensino non universitarios de Galiza trouxo consigo unha intensa resposta de toda a comunidade educativa e do profesorado galego en particular, como se evidenciou nos actos reivindicativos de finais de mes de xullo. 

A doutrina do custo cero en educación do goberno de Núñez Féijoo, aplicada á xestión dun inicio de curso marcado pola pandemia, leva á sociedade galega a unha preocupación e un profundo malestar ao contemplar como non se tomaron iniciativas durante os pasados meses para deseñar unha alternativa de incorporación ás aulas centrada en dous factores fundamentais que non poden entenderse se non van da man: a presencialidade e a seguridade. 

Defendemos o valor esencial da presencialidade no proceso de ensino-aprendizaxe polo papel socializador e como corrector de desigualdades e promotor da equidade nun sistema educativo que, durante o confinamento derivado do estado de alarma do último trimestre do curso 2019/20, deu boas mostras das limitacións e desigualdades que a educación a distancia trouxo consigo. 

O dereito a unha educación en igualdade para todos e todas ponse en cuestión cando unha administración educativa coloca en primeiro lugar a decisión de non afrontar un investimento especial na loita contra a COVID-19 dentro dos nosos centros, incumprindo as recomendacións sanitarias de distanciamento físico dentro das aulas e facendo ouvidos xordos ás demandas sociais e sindicais dun reforzo dos cadros de persoal para poder facer efectiva unha redución de ratios provocada pola aplicación dunhas normas que proporcionen os máis altos niveis de seguridade nos nosos centros. Non se lle pode pedir a ningún goberno, administración ou colectivo profesional que impida a propagación dun virus nos centros educativos no medio dunha pandemia que ten na transmisión intercomunitaria a súa principal vía de contaxio. O que se lle esixe é que actúe con responsabilidade e poñendo todas as medidas para minimizar os riscos deses contaxios. O actual protocolo da Consellaría non o fai.

A presencialidade está posta en cuestión pola Xunta de Galiza cando asume un distanciamento físico de 1 metro entre as cabezas do noso alumnado, cando os criterios adoptados pola OMS ou o propio Ministerio de Educación indican 1 metro entre pupitres ou, o que vén sendo o mesmo, 1,5 metros entre cada alumna ou alumno. Esta mesma distancia volve figurar no texto aprobado tras a reunión da Conferencia Sectorial do 27 de agosto. O actual protocolo pon en perigo a saúde de quen traballamos nos centros educativos e do noso alumnado porque incrementa as posibilidades de contaxio e se mostra como absolutamente contraditorio coa distancia física dese mesmo alumnado noutros espazos do propio centro.

Ao tempo, e malia os cinco meses transcorridos, non existe ningunha garantía de que o recurso forzado á teledocencia se vaia facer con todas as garantías de universalidade e igualdade das que careceu no curso pasado. Nin por parte da formación necesaria do profesorado nin pola necesaria dotación de medios técnicos (conectividade, aparellos informáticos) para todo o alumnado e profesorado que os requira. A fenda dixital, como produto do factor territorial e de acceso a unha conexión en boas condicións ou da fractura social cada vez máis clara na nosa sociedade, non pode condicionar de novo unha realidade á que nos podemos ver na obriga de acudir tendo en conta a evolución da pandemia. A estadía nas casas do noso alumnado, ben sexa en períodos breves de corentena ou noutros de maior duración non poden ser un novo foco de discriminación e desconexión do proceso educativo.

A saúde debe ser o primeiro e as medidas que se adopten nos centros educativos deben estar condicionadas pola redución dos riscos de contaxio e por unha correcta xestión das alternativas á presencialidade. 

Tendo en conta todo o anterior, amosamos novamente neste MANIFESTO que a “normalidade” coa que a Xunta pretende dar comezo ao curso escolar é unha irresponsabilidade e demandamos a negociación dun novo protocolo. Esta decisión debeu ser adoptada pola Consellaría cando comprobou que non contaba co respaldo das organizacións sindicais na Mesa Sectorial e cando puido apreciar que a resposta contraria se estendía a todos os colectivos, profesionais, docentes ou non docentes, así como as familias organizadas nas ANPAs. Non houbo en todo este tempo ningún tipo de interlocución coa representación do profesorado nin das familias. Se for preciso, a Xunta debería atrasar o comezo do curso escolar para poder rectificar e ofrecerlle ao conxunto da comunidade educativa e do país unha proposta de comezo de curso escolar que atenda, como mínimo, aos seguintes criterios: 

  • Debe indicarse que a distancia física entre cada alumno ou alumna na súa aula sexa igual ou superior a 1,5 metros en todas as direccións. A partir desta separación física deben adaptarse as ratios de cada aula, figurando como ratio preferente 15 alumnos e, como máximo, 20 por aula.
  • Deben aumentar os cadros de persoal para poder dar resposta á ampliación de aulas e a correcta e segura atención ao noso alumnado. 
  • Os cadros de persoal deben garantir unha resposta áxil e adecuada a todas as tarefas educativas e de xestión que é necesario afrontar así como á eventual necesidade de simultanear ensino presencial e a distancia. As incidencias por ausencia puntual de profesorado poden facer inviábel a atención ao alumnado, polo que se debe regular por parte da Consellaría en que condicións se debe ou pode decretar o peche total ou parcial dun centro. 
  • As condicións do traballo a distancia deben ser obxecto de negociación e calquera modificación ou adaptación de horarios debe contar con respaldo dunha norma legal da propia Consellaría de Educación, negociada previamente na Mesa Sectorial.
  • Debe existir unha avaliación de riscos derivados da COVID-19 en cada centro educativo e adaptada ás características propias do centro, tanto polos niveis educativos que se imparten como polas instalacións, etc. Esta avaliación debe ser realizada polo servizo de prevención e non por profesorado. 
  • A xestión das solicitudes de vulnerabilidade non pode diferir das aprobadas no protocolo de incorporación parcial do profesorado de Bacharelato e FP a finais do pasado curso escolar. Considerar a vulnerabilidade dun xeito diferente e o dereito do persoal dun centro a permanecer na súa casa, teletraballando se é posíbel, non pode estar condicionado por unha cita electoral e polos intereses do partido que sustenta ao goberno. As condicións de antes do 12 de xullo deben ser as mesmas agora. Todo o persoal que forme parte dun grupo de risco ou teña a obriga da custodia dun fillo ou filla menor ou dunha persoa maior dependente e así o solicite debe ter dereito a non se incorporar e a colaborar, sempre que sexa posíbel na teledocencia, apoio educativo ou naquelas tarefas que lle sexan encomendadas.
  • A administración non pode delegar a súa responsabilidade no profesorado en xeral e nas equipas directivas ou nas denominadas “equipas covid” en particular. Todas as actuacións deben estar previamente autorizadas e revisadas polas administracións educativas e sanitarias. Neste sentido, é necesario contar con persoal sanitario de referencia nos propios centros educativos. 
  • A atención á diversidade debe xogar un papel central nos esforzos que a administración preste para evitar que, novamente, o alumnado con necesidades especiais e de apoio específico sexa dobremente prexudicado, tanto na modalidade presencial como se é preciso na teledocencia.
  • Debe garantirse orzamentariamente a equidade no acceso á teledocencia parcial ou total mediante a posta a disposición de alumnado e profesorado que o precise de todos os medios necesarios. 
  • Debe existir un incremento orzamentario especial coronavirus en todos os centros, sen que a xestión da crise sanitaria vaia en detrimento das xa escasas capacidades dos centros. O subministro de material de protección e hixiene debe ser responsabilidade da Consellaría, con compra centralizada e con garantía do seu uso gratuíto para todo o alumnado e persoal do centro. O uso da máscara con carácter xeneralizado implica unha obriga para acceder ao centros mais o uso continuado nos centros e os gastos derivados deste deben ser sostidos pola Xunta.
  • Non podemos pasar dun curso marcado polo confinamento físico a outro lastrado polo confinamento pedagóxico. As normas de actuación fronte á COVID-19 deben ter en conta un modelo educativo aberto e participativo, fóra de rixideces e condicións que desnaturalizan e fan perder todo o sentido a décadas de innovación pedagóxica. 
  • A xestión de limpeza e desinfección de aulas e espazos comúns non pode recaer no alumnado nin no profesorado. Para poder afrontar con seriedade un dos elementos fundamentais de prevención fronte aos contaxios debe contarse con suficiente persoal e con todas as garantías laborais e sanitarias.
  • As limitacións derivadas da distancia física no transporte escolar ou nos comedores así como en actividades extraescolares ou programas de atención previa ao inicio da actividade lectiva, non poden implicar ningunha discriminación entre o alumnado. Atender a todas as necesidades derivadas da xestión contra a covid nestres servizos debe conlevar a contratación de máis persoal.
  • O uso xeral de máscaras por parte do alumnado e do profesorado, con independencia da decisión que finalmente se adopte sobre idades, etc.., debe contar expresamente coas necesarias excepcións, en función da decisión que o profesorado adopte para aquelas materias ou actuacións educativas que fagan imprescindíbel interactuar sen máscaras. Esa excepcionalidade tamén se debe regular, como se fai con carácter xeral, para persoas con insuficiencias respiratorias con previo informe médico.
  • Deben tomarse medias preventivas en materia de saúde laboral para evitar os problemas foniátricos que poidan derivarse do uso intensivo das máscaras.
Create your website with WordPress.com
Primeiros pasos